“De Orreaga ate Palas de Rei”

            Este misterioso mundo das aves rodea o peregrino, é o mundo alternativo en que entrou, aves en vez de homes, non é mal cambio. E marcharei e quedarán os paxaros cantando. Podería contar o Camiño enteiro en aves. Vouno facer agora mesmo para escorrentar o noxento Pelegrín aquí na C-535 entre Palas de Rei e Carballal.

            Imos ver.

            Aqueles cen gorrións do gran patio central da Real Colexiata de Roncesvalles, que nas longas e neboentas noites montañosas se trocan en mil morcegos berróns. Nos altos vales pirenaicos aqueles carboeiros gordechos, cabeza e babeiro negros, meixelas brancas, corpo amarelo: tan chulos eles. No medio do deserto de cinza da fábrica de magnesita de Zuribi xorde unha visión de beleza: a primeira andoriña do ano. Aquela solemne garza real a quen, sen querer, lle rompín a inmóbil, silandeira pesca nas augas do ría Arga. Encima dun inmenso val onde non hai outro ser humano á vista, peneira a constante elegante silenciosa ameaza do altivo miñato real. O niño de cegoñas pegado con cola máxica no alto da fraca cheminea da abandonada fábrica de Puente la Reina, e mais as cegoñas todas das chairas, voando preguiceiras e presidindo desdeñosas dende a torre da súa igrexa a cidade enteira, ameazando os seus habitantes coa súa lenta metralleta con silenciador.

(...)

Aquel fulgurante chinchón que saíu ao meu encontro preto de Estella coa revelación momentánea das súas cores. Os cantos das loucas lavercas nos cálidos campos de Azofra. Aquel cándido cacarexar que racha o negro silencio da catedral de santo Domingo de la Calzada, onde cantou a galiña despois de asada. Ao saír de Belorado pola alameda que ocupa aquel val, o tamborilar do pero entre o rechouchío dos pardais, concerto de pícolo e percusión en do maior. Algún paxaro solitario e valente ou se cadra extraviado rompe o tétrico silencio das eternas plantacións de piñeiros dos Montes de Oca.

(...)

Nun val riberetado de monte baixo preto de Villalvilla oio o chiar dunha ave descoñecida que se imita aos asubíos dun home que chama o seu can, qué cousas, se cadra é un home que chama o seu can. O asmático piar das perdices no estreito val do río Garbanzuelo ao pé das ruínas do convento de Santo Antón, onde un capítulo de pombas invisibles se encarga de cantaruxar as horas canónicas. Nun ceo plúmbeo e sen límites sobre Sahagún unha bandada de aves en uve provoca máis nostalxia daquel afastado mar ribadense. Os sinistros corvos de Reliegos arredor da solitaria cegoña pescadora. Centos de niños de revoltosas acocorantes grallas empoleirados nos altos álamos á beira do Canal do Páramo. Os solemnes minuetos eróticos das pombas con pombos na praza da catedral de León. Aquela parella de curuxas que está de vociferante garda nocturna encima do portal do albergue do bosque de Hospital de Órbigo. No Bierzo o breve canto das escribentas, a chocante cháchara das chascas, o pequeneiro gordecho rebiergueito carrizo que atende inquedo os seus negocios na vexetación espesa, a leda lavandeira que corrica e colea á beira do rego. Calle de los Peregrinos de Cacabelos, longo relustrar de mil intrépidas andoriñas entre balcóns baixos de madeira escura. En Vilafranca do Bierzo a despedida ás cegoñas, un niño a cada lado da cruz que encaparucha a fachada do mosteiro de San Nicolás.

            Pero o paxaro que peteira nos miolos dos meus ósos é aqueloutro cativo, pardo, anónimo, anódino, pousado enriba dunha pedra gris no medio das gándaras, que acende a neboenta mañá coa gloria do seu canto nun chorro tan resoante, tan seguido e tan variado que non é un paxaro senón unha invisible bandada deles: a laverca.

 

Fonte: Rutherford, John: As frechas de ouro. Vigo: Editoria Galaxia, 2004. pp 191-194

 

Loading
www.santiagolanguages.com
www.santiagolanguages.com
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN            KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
Congress Santiago (21./22.10.2011)
Congress Santiago (21./22.10.2011)