Foncebadón e a Cruz de Ferro

De socato, aquelas sombras fánseme visibles: deben de ser as primeiras casa daquilo que levo moito tempo medio temendo medio desexando, o lendario Foncebadón. Nada hai máis desconsolador cá poboación recentemente abandonada e nos comezos da súa ruína. Foncebadón dáme medo, prefiro seguir aquel camiño que vai por fóra, alá á dereita.
[...]
Estas casa arruinadas que me empezan a rodear no medio da nube van asumindo as variadas formas grotescas dunha serie de montañas leonesas: serras, cumes, pináculos,cristas, contrafortes, cerros, lombas, outeiros, ladeiras, vales. Outras casas só están no comezo do seu desmoronamento, amosando con certa vergonza propia e allea os seus segredos, as súas intimidades: aquela soberbia cheminea está cuberta de brillantes lousas semicirculares montadas unhas sobre outras coma xigantescas escamas de acibeche,pero ao caeren algunhas deixaron ver que por dentro está feita de pallabarro. As casas non deberían ser obrigadas a revelar a súa miseria interior. ¿Que será dos seus habitantes? Nunha parede da ruína máis grande e máis triste, a parroquia de tellado afundido, amarela unha relucente caixa do correo; e a desolación de Foncebadón fáiseme aínda máis desoladora porque me dou de conta de que algún ser humano vive aquí en medio de tanto estrago. ¿Quen será? ¿Onde estará? ¿Como poderá sobrevivir neste deserto? A nubosa soidade de Foncebadón é densa, sufocante.
[...]
Subir e subir, subir e subir. Ao gran milladoiro que sostén a Cruz de Ferro, no punto máis alto do Camiño, cada peregrino debe contribuír coa súa pedra, traída dende abaixo. Canto máis pesa e canto máis a sobes máis días de purgatorio aforras. A verdade é que a miña pedra non é para gabarse nin das súas dimensións nin da súa subida.
[...]
Deposito a miña pedra no milladoiro da milenaria Cruz de Ferro. Cada un achega o seu graniño de area. Sento nun banco de pedra ao abrigo dunha ermida que se engruña a carón do milladoiro. Esgotamento e soidade no medio das nubes e do vento no cume do mundo,na rexión celeste. Isto é o miolo dos ósos da peregrinaxe.


Rutherford, John: As frechas de ouro. Vigo: Editorial Galaxia, 2004. pp 173-176.

 

 

Loading
www.santiagolanguages.com
www.santiagolanguages.com
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN            KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
Congress Santiago (21./22.10.2011)
Congress Santiago (21./22.10.2011)